MÁIS IGUAIS

>> 23 de fev. de 2008

O proxecto “Máis iguais” da Asociación de Mulleres Recandea nace este ano con ánimo de converterse nun dos proxectos fixos da entidade, un proxecto do que se espera teña boa aceptación por parte das mulleres do barrio do Castiñeiriño, socias ou non, e, por extensión, das mulleres de toda a cidade de Santiago.

OBXECTIVOS

XERAL
O obxectivo deste proxecto é fomentar a igualdade de oportunidades entre os homes e as mulleres co fin de conseguir unha igual participación e representación no ámbito social e familiar.

ESPECÍFICOS
  1. Fomentar a corresponsabilidade nas funcións e tarefas familiares e domésticas entre mulleres e homes a través de actividades formativas, informativas e culturais dirixidas a distintos sectores de poboación.
  2. Concienciar ás mulleres da Asociación do importante papel que teñen no desenvolvemento da sociedade nos seus distintos eidos: cultural, social, económico…
  3. Sensibilizar á poboación, especialmente ós homes, de cara ó papel que desempeña a muller na sociedade e na familia.
  4. Facer consciente á poboación da situación de desigualdade que aínda se está a dar a través de actividades lúdicas que traten esta problemática.
  5. Incrementar a presenza da muller na vida social, cultural e comunitaria do barrio.


ACCIÓNS

O proxecto desenvolverase a través de tres accións:
  1. Presentacion do proxecto ás outras entidades non lucrativas do barrio.
  2. Programación de actividades para os meses de outubro a decembro de 2010 de cara a instaurar no barrio a época de outono como a estación da igualdade. Nesta acción inclúese a programación, publicidade, inscrición e realización das diferentes actividades que engloba o proxecto.
  3. Avaliación do proxecto de cara a melloralo para vindeiros anos.


En concreto as actividades que está previsto desenvolver dentro deste proxecto son as seguintes:


ACCIÓN 1: PRESENTACIÓN DO PROXECTO ÁS ENTIDADES NON LUCRATIVAS
  1. Xuntanza informativa
  2. Presentación do proxecto
  3. Incorporación ó proxecto das entidades interesadas en participar


ACCIÓN 2: MÁIS IGUAIS
  1. Xuntanzas de programación a partir do mes de xuño de cara a organizar as actividades dos meses de outubro a decembro.
  2. Elaboración dun programa con tódalas actividades una vez concretadas as datas e horarios.
  3. Publicidade das actividades
  4. Realización das distintas actividades:
  • Obradoiros de igualdade e corresponsabilidade:
  • Dinámicas da igualdade: obradoiro de 40 horas de duración dividio en 20 sesións de 2 horas dirixido a homes e mulleres co obxectivo de que o grupo reflexione sobre a problemática da muller, a súa situación na sociedade, a participación do home nas funcións e tarefas do fogar e a necesidade de corresponsabilizarse por igual no desenvolvemento destas funcións e tarefas. A metodoloxía a utilizar será práctica, activa e participativa, a través de diferentes dinámicas de grupo e técnicas de relaxación e coñecemento mutuo.
  • Obradoiro de cociña: obradoiro de cociña de 20 horas de duración divididas en 8 sesións de 2,5 horas dirixido a homes. Rematado o obradoiro anterior, trala reflexión sobre a necesidade de corresponsabilidade nas tarefas, proponse este obradoiro como un primeiro paso cara esa igualdade, ó considerar que dentro do fogar a cociña é un dos ámbitos máis claramente vinculados tradicionalmente á muller. A metodoloxía a utilizar será activa e participativa a través da realización de diferentes recetas de cociña.
  • As novas tecnoloxías no fogar: obradoiro de 40 horas de duración dirixido a homes e mulleres dividido en 2 partes: a primeira parte tería o obxectivo de analizar e aprender a utilizar os diferentes elementos e obxectos de uso cotidiano do fogar. A segunda parte do curso iría dirixida a aprender a utilizar as diferentes aplicacións informáticas que facilitan, por un lado, os trámites coa administración (citas médicas, declaración da renda por internet, certificado dixital…) e, por outro lado, páxinas de interese específico para o fogar (mercar a través da rede, busca de información…)
  • Charlas informativas:  Ó longo do ano iranse realizando pequenas charlas informativas sobre o programa nas diferentes actividades que organiza a Asociación co fin de que as/os participantes coñezan o desenvolvemento do mesmo. Asimesmo, realizaranse dúas charlas de 2/3 horas de duración cada unha relacionadas cos obxectivos deste programa:
  • Atención a persoas dependentes no fogar: a atención ás persoas dependentes no fogar na maioría dos casos faina a muller, polo que o obxectivo desta charla sería concienciar tanto a mulleres como a homes da necesidade de compartir esta tarefa.
  • Primeiros auxilios e emerxencias no fogar: saber reaccionar ante unha situación de perigo ou ante un accidente no fogar é de vital importancia e é necesario que todos os membros adultos do domicilio saiban como facer frente a unha situación deste tipo.
  1. Actividades culturais:
  2. Representación dunha obra de teatro de temática acorde cos obxectivos do proxecto.
  3. Recollida de datos para a avaliación das diferentes accións.


ACCIÓN 3: AVALIACIÓN DO PROXECTO
  1. Avaliación das diferentes accións e actividades que conforman o proxecto.
  2. Xuntanzas de avaliación coas outras asociacións e entidades implicadas no desenvolvemento do proxecto.
  3. Recopilación e análise dos datos aportados polos participantes das diferentes accións e actividades.
  4. Redacción dunha memoria final do proxecto que inclúa, en base ós datos expostos, a recomendación de continuar ou non co proxecto en vindeiros anos.

SE CHE INTERESA TER MÁIS INFORMACIÓN SOBRE ESTE PROXECTO PONTE EN CONTACTO CON NÓS A TRAVÉS DO NOSO CORREO ELECTRÓNICO.

0 comentarios:

About This Blog

Lorem Ipsum

  © Blogger templates Shiny by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP